O Grupo Municipal do Partido Popular conseguíu que o pleno do Concello dese luz verde á creación dun Plan de Dinamización para o barrio de A Tinería, pese a que o PSOE votou en contra da devandita proposta.
O centro histórico de Lugo que conta cunha gran riqueza arquitectónica, artística e cultural sufriu unha profunda transformación nos últimos anos debido en gran medida ás políticas levadas a cabo pola Xunta de Galicia que permitiron que un barrio degradado como o da Tinería se atope en pleno proceso de recuperación e rehabilitación.
Un dos retos de futuro para o barrio da Tinería pasa por preservar a multifuncionalidade que é un dos trazos que lle outorga identidade propia, onde ten un papel decisivo a función residencial, ao ser garantía de heteroxeneidade social, pola contra estariamos ante unha baixa ocupación residencial que empobrece a vida urbana e as relacións sociais, nese sentido, a Xunta de Galicia dentro das súas políticas de rehabilitación do barrio contribuíu a aumentar o número de residentes a través da recuperación de vivendas, ao mesmo tempo que permitiu poñer freo á deterioración que estaba a sufrir A Tinería.
As actuacións da Xunta de Galicia no barrio da Tinería lamentablemente non se viron acompañadas cun compromiso similar do Concello de Lugo, especialmente en materia de seguridade pública, limpeza e recuperación social, sendo imprescindible unha maior implicación do Concello no ámbito das súas competencias a través dun Plan de Dinamización que recolla unha serie de obxectivos e accións como serían o establecemento de incentivos fiscais para a rehabilitación de locais e aperturas de negocios que se asenten no barrio; aumentar a limpeza e a presenza policial; potenciar a programación cultural; impulsar proxectos de carácter de social, etc, todo iso en colaboración directa cos residentes e empresarios da zona.
Por outra banda é preciso crear no barrio unhas boas condicións no eido social, e mellorar a súa imaxe para deste xeito incentivar a xente a que resida no mesmo e que sirva como aliciente para que os emprendedores poidan investir e crear emprego.
Por todo elo o Grupo Municipal Popular considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal ACORDE:
Instar ao Goberno Local á elaboración dun Plan de Dinamización do barrio de A Tinería no que se recolla:
- a) Actuacións para mellorar a imaxe e o día a día do barrio, en materia social, limpeza, seguridade e control de actividades.
- b) Incentivos fiscais ou de calquera outro tipo, dirixidos ao asentamento de residentes no barrio.
- c) Incentivos fiscais e axudas para favorecer o emprendemento e as iniciativas empresarias no barrio.