
O pasado 25 de xaneiro, un vehículo tirou o Miliario de Lugo, un monolito de bronce de 2,5 metros de altura, instalado hai 17 anos como recordo da importancia da cidade na época romana e das antigas vías XIX e XX do Itinerario Antonino. Operarios municipais retiraron a peza, pero, pasados 63 días, segue sen reporse, nin hai unha data coñecida para que se recupere. Este elemento, máis alá da súa importancia histórica, representa a conexión de Lugo co seu pasado romano e é un símbolo para veciños e visitantes.
Agustín Gallego afirma que “os pequenos detalles, como a pronta reposición dun miliario son os que contribúen a construír unha cidade que respecta e valora a súa historia. Non podemos permitir que a deixadez do goberno local empañe a riqueza cultural de Lugo”.
O concelleiro popular Agustín Gallego anunciou que presentará preguntas na comisión correspondente para coñecer: os prazos previstos para a reposición do miliario, as razóns da demora da súa instalación e o lugar onde se atopa actualmente a peza, entre outras.
Esta situación de falta de mantemento non é un caso illado. A poucos metros do lugar onde se situaba o miliario, as ventás arqueolóxicas da rúa Doutor Castro tamén presentan un estado de conservación mellorable. A pesar de intervencións previas para a súa reparación, a falta dun mantemento constante pon en risco a correcta exposición dos nosos restos arqueolóxicos.