O Grupo Municipal do Partido Popular acadou o apoio do pleno lucense para que o goberno local colabore, dentro das súas competencias, coa construción dun novo centro de saúde para o Sagrado Corazón á vez que se solicita á Xunta de Galicia o seu firme compromiso na construción desta infraestrutura.
A sanidade galega caracterízase polo alto nivel de profesionalidade das persoas que traballan nela, así como polas súas boas infraestruturas, as cales sufriron un importante avance nos últimos anos debido ao esforzo da Xunta de Galicia que permitiu que a pesar da dispersión da poboación, máis do 70% dos galegos viven nunha área cun Centro de Saúde ou un Hospital novo ou reformado, garantindo desta forma o dereito á protección da saúde recollido no artigo 43 da Constitución Española.
Para seguir avanzando nas melloras das infraestruturas na Atención Primaria na nosa cidade, desde o Grupo Municipal do Partido Popular entendemos que é preciso a construción dun novo Centro de Saúde no barrio do Sagrado Corazón para así ofrecer un mellor servizo aos seus usuarios.
Por todo isto, o Grupo Municipal Popular que suscribe considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal acorde:
1. Instar á Xunta de Galicia a realizar todos os trámites precisos para a construción dun novo Centro de Saúde no barrio do Sagrado do Corazón.
2. Instar o Concello de Lugo a colaborar activamente dentro das súas competencias, no proceso de construción dun novo centro de saúde no barrio do Sagrado Corazón, e a colaborar na posta a disposición dos terreos ou inmobles necesarios, garantindo que se atopen na contorna máis próxima ao barrio.